Máis de
300 veciños e veciñas encheron o auditorio do Hotel Balneario Compostela (no
Tremo) para asistiren á presentación da candidatura dos Socialistas de Brión ás
próximas eleccións municipais. Encabezada por José Luís García, a lista
"mestura experiencia e xuventude" e ten un claro obxectivo:
"traballar por Brión".
Agradecendo
a todos os asistentes o seu apoio, García explicou que a súa lista está
composta por "persoas honestas, traballadoras, que saben o que fan e,
sobre todo, veciños nos que podedes confiar”. Ademais, salientou que a
candidatura socialista é a única composta integramente por veciños de Brión e
onde están representadas todas as parroquias do municipio.
“Un
partido de veciños e veciñas que queren traballar polo mellor para a veciñanza
de Brión, tal e como vimos facendo dende que nos presentamos por primeira vez
baixo as siglas da Candidatura Galega Independente”, apuntou García. Unha
situación que contrapuxo á falta de compromiso por parte dos
"paracaidistas" doutros partidos, "que nin sequera están
censados aquí e que veñen doutros concellos para completar unha candidatura”.
O Brión que
queres
Baixo o
lema “O Brión que queres”, tanto García como todas as persoas que integran a
candidatura fixeron un repaso sobre os logos conseguidos tanto ao longo dos
últimos corenta anos como na última lexislatura. “Nestes últimos catro anos
conseguimos logros importantes como levar o subministro de auga ás parroquias
da parte alta de Brión, o que rematará cos problemas de seca durante os
próximos 70 anos. Non só mantemos en bo estado as nosas pistas e estradas,
senón que estamos mellorando a seguridade viaria con varias sendas peonís nas
distintas parroquias. Pero xa vos adianto que na próxima lexislatura
investiremos 1 millón de euros cada ano para mellorar con aglomerado en quente
as principais estradas municipais de Brión. Este ano xa consignamos 700.000
euros para aglomerar 12 quilómetros de estradas, que comezarán a executarse nas
próximas semanas”, anunciou José Luís García.
Neste
sentido, García explicoulles ás persoas presentes que “fronte ás promesas
electorais que se leva o vento, os socialistas de Brión presentámonos a estes
comicios co traballo ben feito e co aval de proxectos xa en marcha e que
culminaremos nesta lexislatura, como o primeiro centro de coworking do sector
primario de Galicia, a nova residencia e centro de día para maiores, e a que
leva sendo unha pedriña no meu zapato os últimos anos: o auditorio”. García
apuntou que “xa contamos co terreo preciso para facer un gran auditorio a carón
da carballeira de Santa Minia onte poder ofrecer máis e mellores actividades
para crianzas e maiores, así como unha maior e variada oferta cultural”.
Aposta polo
ensino
García
aproveitou a presenza dos alcaldes socialistas de Ames, José Miñones, e Oroso,
Manuel Mirás, para falar dun problema “que temos todos os concellos que temos a
sorte de contar cada ano con máis nenos. Por resumilo dunha forma moi sinxela:
se hai máis nenos e non hai máis aulas e máis profesores, temos un problema.
Porque estamos falando dos nosos fillos e fillas, non de sardiñas en lata como
pensa a Consellería”.
Por iso
anunciou que solicitará “unha ampliación de instalacións para o Instituto e
unha dotación de profesores suficiente para que se cumpra a ratio de alumnos
por aula e se volvan impartir todas as materias. Si, por moito que lle fastidie
á señora inspectora, queremos que os nosos mozos e mozas teñan a mellor
educación posible. Aínda que vivan nunha aldea”.
E sobre o
CEIP de Pedrouzos, anunciou que “traballaremos para conseguir a súa ampliación de
acordo cunha solución que convenza aos pais. Terreo hai para facer as cousas
ben e nós estamos dispostos a colaborar no que sexa e a facer as cesións que
sexan precisas polo benestar dos nosos nenos e nenas. Iso si, o que precisamos
é dunha Consellería que queira facer as cousas ben e non dunha Consellería que
estea coa calculadora na man e mirando a cor política de cada concello”.
Ademais, García apuntou que “se a Xunta do PP segue a facer oídos xordos ás
reclamacións dos veciños de Brión, os veciños de Brión teremos o ano que vén a
oportunidade de enviar ao señor Feijoo á súa casa e apostar por un goberno
socialista e de progreso na Xunta de Galicia”.
0 comments:
Publicar un comentario