Brión aproba uns Orzamentos sociais e investidores que ascenden a 6,7 millóns de euros


Como a situación actual da pandemia sanitaria impide a celebración de reunións como as celebradas no Balneario do Tremo e nas que o equipo de Goberno dabamos conta dos Orzamentos Municipais, desta vez imos tirar de medios tecnolóxicos para contarvos o que verdadeiramente son as Contas Municipais para este ano, as primeiras con Pablo Lago á fronte. E, para que non se faga longo, imos facelo en varias entregas que poderás seguir a través deste blog e da nosa páxina en facebook.
 

O primeiro dicir que os orzamentos están equilibrados entre gastos e ingresos. Ascenden a 6.710.037,97 euros, un 0,52% menos ca en 2020. Ao mellor tes escoitado ao BNG e ás súas páxinas afíns dicir que Brión reduce a inversión en servizos sociais, cultura, transporte e emprego. Iso non é máis ca un uso malintencionado dos números, facendo bo iso de que a estatística é a ciencia que fai que os mesmos números poidan dicir cousas contrarias. 

En primeiro lugar, temos que dicir que en 2020 o Concello de Brión incrementou nun 10% a partida para emprego e para servizos sociais para afrontar así as novas necesidades xurdidas pola pandemia da Covid-19. Que fixemos agora? MANTER eses investimentos, é dicir, seguir investindo un 10% máis do habitual en servizos sociais e emprego. 

Por que entón hai partidas que baixan un 1% ou un 18%, como a de Cultura? Pois porque en Brión orzamentamos o que gastamos, non deixamos cifras por quedar ben. Ata os propios concelleiros do BNG tiveron que admitir no Pleno que poucos Concellos de España teñen un índice de execución dos orzamentos como Brión, sempre por riba do 90%. Que significa isto? Que si dicimos que se van investir 764.475 euros en obras é porque así vai ser. 

Entón, de que serve orzamentar cartos para as verbenas de Santa Minia cando sabemos que non se van poder celebrar? Para que imos reservar unha partida para a Festa dos Vellos ou para a Viaxe dos Maiores se a pandemia aínda impide a celebración destes actos? Outro exemplo: se levamos reservando 20.000 euros todos os anos para o transporte metropolitano e a propia Xunta nos di que non os damos gastado, de que serve ter inmobilizados eses cartos? Poderíamos ter sido moi “cucos” e facer uns orzamentos cara a galería e a propaganda, deixando estes gastos a sabendas de que non os imos ter que facer. Así teriamos uns orzamentos maiores e non teriamos aos concelleiros nacionalistas tirando de calculadora. 

Pero iso, se o pensas ben, non sería máis ca un engano. O que queda claro é que, tal e como explicou o noso alcalde Pablo Lago no pleno, “mantemos as inversións en servizos sociais, cultura, transportes, emprego... aínda que as cifras xerais recollan pequenas baixadas debido a que pola pandemia este ano non presupostamos actividades que sabemos que non se van poder facer”. O certo é que, como corroborou a voceira municipal socialista, “na elaboración do orzamento participan tanto os técnicos como os concelleiros, polo que consideramos que é o mellor orzamento que podemos facer nestes momentos”.

0 comments:

Publicar un comentario