O vitimismo crónico do BNG de Brión: rexeita o acordo para facer política

O acontecido onte mércores no pleno de Brión foi moi triste. O BNG presentou unha moción sobre a calidade e a protección do ensino no noso Concello co único obxectivo de romper a unidade que ata o momento mantivemos os tres grupos políticos (PSOE, PP e BNG) á hora de defender á nosa comunidade educativa. Unha moción que non buscaba solucións á problemática que viven as familias da EEI de Sabaxáns, senón unicamente “facer política”, como ten dito en demasiadas ocasións o voceiro nacionalista.

O grupo municipal socialista reitera o seu apoio incondicional á comunidade educativa tanto do EEI Sabaxáns como de calquera outro centro de ensino do municipio. Durante o debate da moción ofrecemos o noso apoio, sempre que o BNG retirara as alusións inexactas, comentarios malintencionados e mentiras flagrantes contra o Concello de Brión e nas que practicamente nos culpaba das decisións da Xunta. Como se pode ter a cara de esixirnos un programa de conciliación cando ese mesmo día aínda estaban en marcha os campamentos de conciliación de verán nos que participaron preto de 200 nenos e nenas???

O BNG foi quen rexeitou o acordo

Ofrecemos un acordo polo ben da comunidade educativa e foi o BNG quen o rexeitou. Quixemos manter a unidade de acción de toda a corporación e foi o BNG quen volveu “facer política”. E dicímolo con todas as letras: o que fixeron onte no Pleno foi UNHA OBRA DE TEATRO, nin máis nin menos. Como eles mesmos recoñeceron: xa supoñían que iamos votar en contra. Entón, para que o show???

A única explicación é que o BNG de Brión sofre dende hai tempo un caso de vitimismo crónico. Os síntomas tenos todiños: todos teñen a culpa, menos eu... Por iso deforman a realidade e piden cousas que xa existen. Conciliación? Deben ser os únicos de Brión que non saben que cada ano temos 12 actividades deportivas e culturais, repartidas en 42 grupos de persoas de 4 a 16 anos. No verán, ademais do campamento de conciliación, fixemos 3 campamentos en Cabana de Bergantiños con rapazada de entre 7 e 16 anos e un campus de fútbol en xullo no que participaron outros 70 nenos e nenas.

Conciliación, monitores para o comedor, melloras nos centros...

Piden unha política clara de axuda ao ensino en Brión? Pregúntenlles ás familias do CEIP de Pedrouzos quen correu cos gastos dos monitores/as que permitiron manter o servizo de comedor o ano pasado. Pregúntenlles ás direccións dos centros de ensino quen se encargou de facer múltiples melloras nas instalacións educativas durante este verán... Si, ese Concello que non ten “unha política clara” en materia de ensino.

Volven reclamar a posta en marcha do Consello Escolar Municipal, sen pensar na tramitación administrativa que iso supón. Un Consello Escolar Municipal non se crea cunha variña máxica nin con mocións, faise co traballo de persoal funcionario e traballador a maiores do que desenvolve cada día. E iso leva tempo.

Unidade fronte a "facer política"

Os socialistas de Brión non imos caer nestes xogos. O acontecido onte no pleno é unha forma de facer política que non nos agrada, pero respectamos, ao tempo que nos reservamos tamén o noso dereito a dicir as cousas como son. Nós seguiremos onde sempre estivemos: apoiando en todo ás familias de Brión. Un lugar onde estamos convencidos de que sempre contaremos co apoio de todas as forzas políticas municipais. Calquera outra cousa, si que sería o mundo ao revés. 

0 comments:

Publicar un comentario